sábado, 16 de mayo de 2009

Crise ou a punta do iceberg

A crise económica e a análise ou a estrutura a principios do Século XXI


O momento histórico só pode definirse en termos moi pesimistas. Sabemos como funciona unha sociedade humana e sabemos que a actual é disfuncional.


Unha sociedade humana articúlase en varios eixos:

      1. A Natureza Humana é a base de toda Construción ou Estrutura humana.

      2. A natureza humana é diversa, composta de elementos de sociabilidade, de egoísmo, de animalidade e de ideoloxía e racionalización. Sintetizando: o ser humano é un ser egoísta de carácter social.

      3. O sentido básico e profundo do ser humano é o do animal humano inserido na Natureza.

      4. As estruturas socio-económicas (a), de mentalidades e crenzas (b), tecnolóxica e científico técnica (c) son contedores (da natureza humana) nunha Estrutura sincrónica ou Momento Histórico (Estrutura Xeral).

      5. As estruturas socio-económica e a tecnolóxica e científico técnica e de coñecemento están fortemente ensambladas. Polo tanto estamos nun capitalismo global nunha fase tecnolóxica baseada en Internet, os media e a informática, cun crecemento científico importante na xenómica e na área da emulación da intelixencia.

      6. O límite ou super-estrutura de todo o anterior é a Natureza.

A un nivel de teorema enténdese que:

      1. O home é un animal social de natureza egoísta que constrúe sociedades tecnolóxicas e socio-económicas no marco da Natureza (exterior) e da Natureza Humana (natureza interior), de significado construído sobre o animal humano (sentimentos, xerarquía, comunidade), con elementos de racionalización e funcionalidade.

      2. Reducido á súa esencia iso significa que Home vive nun contrato social que regula a relación do individuo e a súa natureza coa sociedade e a estrutura en xeral.

      3. As estruturas conservan a súa autonomía e posúen a súa propia dinámica, distinta da do contrato social, potencialmente a sociedade ideal, e distinta da racionalización e a funcionalidade.

      4. O conflito entre o Contrato Social e a Dinámica das estruturas sinala unha sociedade enferma, insá, incapaz e finalmente decadente. Esa é a sociedade occidental actual. A estrutura económica ultra liberal e globalizadora acaba de crear unha crise monumental. Pero, paradoxalmente, esta ideoloxía ten orixe no progresismo, que restableceu o pensamento idealista e voluntariata, única matriz ou mátrix onde un pensamento enfermo como o ultraliberalismo pode vivir.

      5. A sociedade actual é de feito un Mátrix, un mecanismo xigantesco de ocultación da realidade, de ocultación de que o ser humano vive por encima das súas posibilidades e das tráxicas consecuencias no momento histórico a medio prazo.

      6. A crise económica só e a punta do iceberg. Detrás está a fin económica de recursos insubstituíbeis (o petróleo) e detrás aínda a degradación completa do planeta que pode causar unha crise xigantesca polo desequilibrio poboación-recursos e mesmo unha posible inhabitabilidade do planeta.

      7. Á volta da esquina está a máis que posíbel aparición da intelixencia artificial e de humanoides robóticos ou orgánicos.


A conclusión é devastadora: O ser humano vive moi por enriba das súas posibilidades, practicando unha acción política e económica inmediatista e cega ao futuro, levado por dúas ideoloxías que son cara e cruz da mesma moeda: o idealismo máis absurdo e o voluntarismo fronte á realidade e á análise. Aplícase unha intelixencia 0 nunha situación que metaforicamente se pode considerar como segue: un coche que se aproxima a toda velocidade a un precipicio, sen a menor dúbida, levado por un condutor borracho que ve a ponte na súa imaxinación. O futuro pode parecerse moito ao mundo bárbaro posterior á caída do Imperio Romano, se non se restablece o pensamento ilustrado e a súa análise realista, fronte ás ridiculeces da ideoloxía postmoderna: mercado libre sen regulación ou o igualitarismo.

A única esperanza actual é o pensamento ecolóxico sistemático, que aplica unha ecoloxía humana e ve a autodestrución da especie, no medio da festa postmoderna. De aí terá que partir unha nova Ilustración Social-Liberal, afastada do ultra progresismo e do ultraliberalismo.



Anxo Ramiro Fernández Laxe - Historiador

No hay comentarios:

Publicar un comentario