sábado, 11 de abril de 2009

Nin carcas nin anarco-hippies-progres

O social-liberalismo non é para carcas pero tampouco para soñadores dun mundo noutra galaxia ou no ceo, nin tampouco para o pensamento débil ou o pensamento postmoderno.
É unha forma de pensamento forte que acepta que a realidade é moitas veces complexa e precisa de flexibilidade, pero o norte debe ser firme, aínda que o fin nunca xustifica os medios.
Economía de mercado libre (peso)
Economía social de mercado, regulada e racionalizada (contrapeso)
Liberdade e democracia (peso)
O límite está na liberdade do outro (contrapeso)
A democracia só é un sistema electoral, no outro o que conta é o mérito (contrapeso)
Individualismo (peso)
Estado forte, cooperación, solidariedade (contrapeso)
Os individuos teñen distintos méritos e deben recoñecerse, pero debe recoñecerse tamén que non son individuos illados, que forman parte dunha sociedade que lles dá as oportunidades que eles recollen ou mesmo que saben ver antes que outros.
Ideoloxía forte (peso)
Ensino en distintos niveis segundo o destino obxectivo (pouco cualificado (A), cualificación media (B), cualificación alta: universidade (C)) e baseado no coeficiente intelectual e outros valores positivos, como capacidade de traballo e motivación. As elites son necesarias e teñen que ter unha capacidade intelectual xeral moi ampla, ser máquinas universais tamén (seguindo a metáfora de Turing), non só especialistas se máis horizonte que a súa parcela. No nivel C non haberá ningunha separación entre ciencias e letras.
Xustiza eficiente e baseada no cumprimento integral das penas. Non haberá bonificacións positivas, pero si negativas, que incrementarán a pena.
O mérito é o eixo da ideoloxía liberal, polo tanto igualdade xurídica absoluta, algo totalmente contrario ao progresismo, tanto liberal como socialdemócrata.
Flexibilidade, sen deterioro dos principios esenciais (contrapeso).
Por exemplo, o proceso de promoción da muller foi moi honroso e positivo, pero xa vai demasiado lonxe: cada pau ten que aguantar da súa vela, o mérito ten que demostrase individualmente. A xustiza social no sentido máis amplo ten que capacitar os máis débiles para competir en pé de igualdade, pero nada máis, o contribuínte non ten que darlles a outros o seu diñeiro fóra desta solidariedade básica: o amparo dos desfavorecidos, en xeral, sen marcas de idade, sexo, relixión, raza ou ideoloxía.
Realismo e pragmatismo filosófico (peso)
Idea racional de mellorar a realidade e até soñar (contrapeso)

Galicia, España, Europa
A miña idea persoal é que son posibles as nacións de nacións. Galicia é unha nación dentro doutra nación, España (a Constitución di nacionalidade), España é unha nación dentro dunha posible e desexable nación: Europa.
Persoalmente gustaríame que España fose un estado federal que incluíse a Portugal e a outros Reinos e Estados federados (Castela, Galicia, Cataluña, Navarra, Aragón, Andalucía, Canarias, Valencia e Baleares). En lugar da Coroa de Castela a Coroa Española. A autonomía máxima sería a que admite a Unión Europea, que non permite confederacións.

Este ó o meu programa social-liberal (distinto da concepción progresista liberal ou socialdemócrata), anti-comunista e anti-fascista, unha forma de centro político que non é en absoluto unha terceira vía, senón (na miña opinión) a actualización do pensamento da Ilustración e o liberalismo clásico, tantas veces morto na práctica política, tanto dos de dereitas como dos de esquerdas. Un exemplo: confiar no individuo sen máis non pode ser senón alleo ao liberalismo, que pensa que o home non é bo nin malo, senón egoísta, moi egoísta; dificilmente pode prescindirse de regras de xogo claras (a aliñación do egoísmo individual co beneficio social), por exemplo pensando que o libre mercado todo o resolve e nos fará felices automaticamente se privatizamos todo. Polo de agora van uns 6 millóns de € en desmentidos... da perfección do mercado desregulado e a globalización desregulada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario