viernes, 10 de abril de 2009

O social-liberalismo nunca pode ser unha involución, si racionalización... e urxente

O social-liberalismo nunca pode ser unha involución, si racionalización
A dura historia da conquista dunha maior xustiza social correspóndelle tamén á socialdemocracia e ao socialismo, igual que ao progresismo liberal ou de esquerdas: os dereitos humanos, a democracia real, a igualdade racial e de xénero... a liberdade sexual, o divorcio, o aborto.
Pero é algo esencial que vivimos nun “contrato social” implícito (axioma), e ese contrato, para ser xusto, asigna dereitos e deberes simétricos. Se eu teño liberdade teño o deber de respectar a liberdade dos outros (a miña liberdade acaba onde empeza a dos demais). O interese egoísta que move os homes (base ideolóxica do liberalismo) debe sincronizarse co interese racional da sociedade. Por moito que o home sexa secundariamente cooperativo, prima nel o egoísmo. Exemplo diso témolo no deterioro ecolóxico do planeta, na superpobación que está xerando un mundo imposíbel en termos poboación-recursos-economía-ecoloxía, a gravísima crise de 2008.
E ISO NECESITA SOLUCIÓN URXENTE
A natureza da crise é o menos comprendido. A crise ten unha orixe ideolóxica mixta, ultra liberal e ultra progresista. Esqueceuse o sutil xogo de pesos e contrapesos, o equilibrio racional. A ideoloxía ultra porgresista creou unha sociedade hedonista, subxectivista e egoísta, que quere todos os dereitos pero ningún deber. No nome do que eles chaman “igualdade” (en realidade unha forma dramática de inxustiza dun idealismo de conto de fadas e un contra-efecto reaccionario), dinamitaron o mérito, a intelixencia e desintegraron o cerne social: o ensino. Este deterioro de hai polo menos un século, aínda que agudizado co idiota postmodernismo a partir dos 70, produciu tal nivel de incompetencia que as elites deixaron de existir e mesmo un fenómeno tan claro como a crise do 2008 resúltalles estraña a capitalistas e políticos de todos os niveis. Elite ten que ter unha forte formación xeral, non só ser expertos en parceliñas. Os individuos da elite teñen que ser tamén “máquinas universais” (Turing), non só máquinas que saiban “sumar”, “restar” ou “dividir”
Os ultra liberais volveron ao sistema fráxil do primeiro capitalismo, baseado na explotación exhaustiva do traballador. Fráxil economicamente e fráxil politicamente. Esa é a herdanza “neo” liberal. A globalización externa (libre comercio) e interna (inmigración masiva) creou tal presión sobre o valor do traballo, abaratouno de tal forma que terminou por afundirse a demanda, por moito a que a avaricia da banca e a desregularización concedesen prórrogas en forma de créditos..
O capitalismo avanzado liberal sempre se baseou principalmente na demanda e na demanda interna: unha revolución que comezou nos USA. A demanda interna ten sobre a externa a vantaxe de que é inevitablemente redistributiva, para que medre o consumo ten que medrar o salario.
A globalización (o libre mercado irracional, a barra libre) produce profundos desequilibrios nun e noutro lado. Era previsible que nun período histórico de ¼ de século os paises emerxentes desgastasen tanto o sistema produtivo dos desenvoltos: crise e caída da demanda. 6 billóns de euros en rescates en Occidente. E a crise xa está ao outro lado: os países que como China viven de venderlles a outros, como EEUU. E a inmensa maioría dos chineses viven na miseria, como a maioría dos brasileiros, por non falar dos hindús. Parece que os únicos que saíron gañando foron os accionistas e algúns executivos das multinacionais. Un grande paso para os ricos, pero todo un retroceso para a humanidade.
Unha nación ou unha rexión como a Unión Europea teñen que ter traballadores en todos os sectores produtivos, tamén na agricultura e na industria. Toda a poboación laboral non pode dedicarse a traballos de alta tecnoloxía ou a proporcionar servizos. Iso até que os “emerxentes” non vendan tamén alta tecnoloxía e servizos. Se fose só un cambio de poder económico ben (aínda que eu lle teño un aquel a Occidente, vaites), pero todo rebentará moito antes.

O ser humano é tan ruín que vai deixar sen futuro aos seus netos ou mesmo aos seus fillos. A situación é moi alarmante. 1) O marco ultra globalizador vai seguir xerando crise, 2) A escaseza dos recursos e o aumento vertixinoso da poboación van creando un mundo totalmente inviable. 3) O mesmo deterioro do planeta parece cada vez máis irreversible, quizis non tarde moito en ser inhabitable ou ter grandes perdas de hábitat, como os océanos que poden converterse en mortos para a economía, con peixes cada vez máis cargados de metais pesados.
Pero o que é dramático é que case ninguén o entende. Non hai xa verdadeiros intelectuais e en toda a escala social rexe a fe do carboeiro: “globalización”, “igualitarismo”, “trivialiazión” ou hedonismo, parvadas tidas como dogmas tan sólidos como o da Santísima Trindade

No hay comentarios:

Publicar un comentario